Estás aquí:
|
|
Diario do Castro das Croas

Diario do Castro das Croas

Día a día da escavación arqueolóxica do Castro das Croas

Diario de escavación: Día 15

Na visita de hoxe, dirixida polo antropólogo Rafa Quintía, explicáronse lendas, literatura oral e ritos asociados ao castro, así como os usos gandeiros, forestais e sobre todo, sociais, como lugar de reunión e de celebración de ritos.

Hoxe foi tamén o último día de traballo de campo.

Diario de escavación: Día 14

Hoxe tivemos a visita do alcalde de Pontevedra e dos representantes dos grupos políticos municipais, que coñeceron de primeira man os resultados da escavación e das tarefas que se levarán a cabo a continuación.

Tamén se procedeu á colocación do cartel que informa da financiación do proxecto de recuperación do Val de Tomeza e Salcedo.

Hoxe tamén se aproveitou para facer a documentación gráfica da cabana, que permitirá realizar unha recreación en tres dimensións.

Diario de escavación: Día 13

Hoxe tivemos a visita de Victor Barbi, arqueólogo da delegación provincial de Cultura, que foi o arqueólogo que fixo a primeira escavación no xacemento, no ano 1992. Barbi explicou que eles traballaron durante dez días e confirmaron que se trataba dun castro de época antiga, pero non había datos do xacemento.

Xa se rematou de escavar a cabana, tanto na parte interior como na exterior, onde apareceron máis restos de cerámica, de características similares aos anteriores achados.

Diario de escavación: Día 12

Na xornada de hoxe tivemos de novo un grupo de voluntario, que tiveron oportunidade de escavar na zona da muralla e de realizar debuxo arqueolóxico na cabana.

Tamén tivemos a visita de Xulio Carballo, arqueólogo da delegación de Cultura da Xunta en Pontevedra, que considera que o Castro das Croas ten un especial interese pola etapa do mundo castrexo á que pertence e, sobre todo, polo seu emprazamento xeográfico.

Diario de escavación: Día 11

Hoxe tivemos a visita de varios expertos, entre eles Josefa Rey, profesora da USC e especialista en cerámica que está colaborando co proxecto analizando parte dos materiais arqueolóxicos que se recuperaron na escavación.

Na cabana prosíguese na escavación e atopouse un fragmento bastante grande de borde, que polas súas características permitirá afinar na cronoloxía do xacemento.

Na zona da muralla, a restauradora Aldara Rico Rey estivo facendo un mapa de alteración da muralla, para avaliar o estado de conservación da mesma e en vindeiras campañas desenvolver un programa para a súa consolidación.

Diario de escavación: Día 10

Os voluntarios volveron hoxe ao castro para seguir escavando na segunda testemuña que quedaba e tamén traballaron cunha estación total, tomando puntos nun sistema de coordenadas de todo o que sae no xacemento.
O equipo de arqueoloxía segue a traballar na cabana, onde apareceron novos achados de cerámica. Na muralla estase a debuxar os perfís interiores e fíxose unha cata dunha estrutura anexa, da que se descoñece a funcionalidade.

Diario de escavación: Día 9

Hoxe os protagonistas foron as voluntarias e voluntarios que, en dous grupos, estiveron escavando na zona da muralla e facendo debuxo arqueolóxico na cabana.
Seguen os traballos na cabana, na que se empeza a afondar para poder atopar algún resto arqueolóxico. Na zona da muralla apareceu unha estrutura anexa, que se está estudando para saber a que se corresponde realmente.

Diario de escavación: Día 8

Os arqueólogos comenzaron hoxe a retirar a segunda testemuña da muralla. Retomouse a escavación na cabana e houbo unha visita dos técnicos do servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Paralelamente, estase a realizar un traballo de recollida etnográfica na contorna do castro e documentando usos sociais, agrarios e rituais do xacemento.

Diario de escavación: Día 7

A xornada de hoxe comezou cunha visita guiada na que participaron máis de 30 persoas. Nos traballos, estase a debuxar a parte exterior da muralla e a definir o que semella un bastión. Tamén se recolleron mostras das testemuñas que quedaron da escavación do ano 1993 para facer unhas análises polímicas, que axudarán a reconstruir a vexetación que había no momento de construcción do poboado.

Diario de escavación: Día 6

Seguen os traballos de limpeza na muralla e empezouse a debuxar o alzado e o plano da muralla. Na cara interna da muralla continúa a escavación dos testigos arqueolóxicos, onde apareceron restos de cerámica.

Logotipos pe de paxina