cabeceira Patriminio histórico
Estás aquí:
|
|
|
Patrimonio relixioso

Patrimonio relixioso

A igrexa parroquial de San Martiño é un edificio neoclásico de grandes dimensións no que destaca a súa portada coa presenza de dúas esveltas torres xemelgas e unha grande figura central, San Martiño de Tours que coroa todo o conxunto. Esta construción substitúe a outra máis antiga, e foi mandada construír por Pedro Javier de Ulloa, párroco de Salcedo en 1754, dentro dunha obra na que tamén se edificaron a casa reitoral, o camposanto e unha escola para os cativos máis necesitados. Para testemuñar estes feitos os feligreses colocaron no interior do templo unha grande placa de mármore no ano 1900.

O templo conta no seu exterior cun viacrucis de 14 estacións, formadas por cruces de pedra que se colocan nun muro perimetral de media altura que rodea todo o recinto. No apartado iconolóxico, a representación do santo tanto na vidrieira como na escultura principal da fachada, é a máis usual de todas: remite a un dos episodios máis coñecidos de San Martiño, no que un home a cabalo, o propio Santo que pertencía a garda imperial romana, corta a súa capa e a reparte cun mendigo.

Na capela Maior do templo gárdase desde 1795, como unha reliquia de grande valor, o corazón do arcebispo Malvar nunha urna de chumbo. O clérigo, natural de Salcedo e amante da súa terra, quixo nas súas últimas vontades que o seu corazón fose trasladado desde Compostela ata a igrexa de San Martiño.

A festividade de San Martiño é moi coñecida en toda a xeografía galega por unha razón: o día do patrón, o 11 de Novembro, é a data do comezo da “matanza do porco”. É, polo tanto, un punto de partida para a celebración dunha tradición etnográfica galega.

A capela de San Brais é un pequeno templo de estilo barroco moi coñecido pola súa popular romaría. Sobre a porta sitúase a imaxe de San Brais dentro dunha fornela e representado con manto, tiara e báculo. O santo é padroeiro dos doentes da gorxa, pois seica salvou a vida dun neno que afogaba ao abafar cunha espiña de peixe. A súa festividade celébrase a principios do mes de febreiro, cando os días empezan a medrar claramente. Xa di o refrán que ‘Polo San Brais, teñen os días dúas horas máis’.

Entre o patrimonio relixioso de Salcedo tamén se atopan os cruceiros, como o da Igrexa, o do Tarabelo, o do Carramal, o do Birrete ou Monte das Croas e o da Cova. Estes dous últimos presentan inscricións no varal e son protagonistas de diversas lendas asociadas a ritos que se practicaban ao pé dos mesmos. Pola súa banda, os cruceiros do Palacio e o de Torres (ou do Cruceiro) foron restaurados pola Escola de Canteiros de Poio no ano 1997.

Logotipos pe de paxina